Pallasos en Rebeldía, Culturactiva S. Coop. e o Concello de Santiago de Compostela presentan unha Gala Solidaria a favor de Palestina no Teatro Principal. O evento terá lugar o 22 de decembro ás 20:30 con entrada libre e billeteira inversa.
Baixo o lema "Cultura contra a barbarie" recadaranse fondos en apoio ao pobo palestino nun evento que contará coas actuacións das Tanxugueiras, Os D'Abaixo, Mago Teto, Rossina Castelli e Mofa e Befa, nun evento presentado por Iolanda Muiños.
Nun contexto no que o pobo palestino enfronta unha das maiores crises humanitarias da nosa era, a cultura érguese como un poderoso medio para transmitir unha mensaxe de solidariedade e urxencia. Día tras día, esta comunidade sofre crimes de guerra que ameazan a vida cotiá de miles de persoas, incluíndo nenos e nenas. A cultura, entendida como un altofalante das reivindicacións sociais, convértese nun faro de esperanza e resistencia. Neta gala solidaria, varias artistas unirán as súas voces e talentos para elevar unha chamada de apoio ao pobo palestino utilizando a arte como ferramenta para transcender fronteiras e construir pontes cara unha conciencia global.
A participación activa da sociedade en eventos culturais como este non só recuda fondos vitais, senón que tamén subliña a necesidade apremiante de poñer fin a situación que afecta a toda unha poboación.
A entrada ao concerto será de balde ata completar capacidade e, ao finalizar, invitarase a todas as asistentes a contribuir económicamente mediante billeteira inversa. Todos os cartos recadados irán destinados a apoiar as entidades locais sobre terreno.
|
Pallasos en Rebeldía |